Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

O GALEGO SEN FRONTEIRAS
Actividades do Departamento de Normalización Lingüística do C.E.I.P. "A Magdalena"-As Pontes

Arquivo: Maio 2008

29/05/2008 GMT 1

A LENDA DE SAN ROSENDO

galegomadanela @ 21:09

monasterio.jpg

O día 27 de Maio os nenos do segundo e terceiro ciclo de Primaria fixeron unha visita ás Fragas do Eume. Alí a guía contoulles esta lenda:
En San Xoán de Caaveiro (A Capela), mosteiro que el mesmo funda trala súa estancia docente en Mondoñedo, pasa Rosendo unha tempada, segundo a historia, ou sete anos, segundo a tradición. Un día levántase do soño e, tras observar o ceo, ocórreselle comentar: "¡Que día tan malo!" Axiña cae na conta de que a frase é un insulto á obra de Deus e decide tirar o seu anel ao río Eume, pedindo ao ceo que llo devolva cando considere que está perdoado da súa falta.

Sete anos máis tarde, cando frei Pucheros está preparando un reo do Eume _ nalgunhas partes din unha troita _, atopa no seu estómago o anel do santo. Faillo saber a este e Rosendo comprende que a súa soberbia meteorolóxica foi perdoada.

27/05/2008 GMT 1

A LENDA DA FONTE DAS BOLIQUEIRAS

galegomadanela @ 18:05

dsc01575.JPG

A Fonte das Boliqueiras está na parroquia do Aparral, As Pontes de García Rodríguez (A Coruña). As augas son ferruxinosas e foron moi aprezadas para curar a tuberculose e mailas anemias.
Na carballeira de arredor da fonte vive un encanto que nunca se deixa ver aínda que, sen embargo, facía ruídos semellantes ao estalar dun ramallo ou dunha póla cando rompe. Disque agora xa non se escoitan os sons do encanto da fonte das Boliqueiras porque non hai carballeira, foi aniquilada hai tempo pola avariza dunha empresa.

Do Libro:RIVERA ROUCO, E., Estudio sobre la Historia de Puentes de García Rodríguez y su comarca, As Pontes de García Rodríguez 1976

MURAL LETRAS GALEGAS 2008

galegomadanela @ 18:01

img_1894.jpg

Coma sempre, situado na entrada do Pavillón de Primaria fixemos o mural das Letras Galegas 2008 que contén unha caricatura de Xosé María Álvarez Blázquez, unha cronobiografía e poemas que os nenos copiaron ou ben lle adicaron. Tamén aparece unha biografía en imáxes.

19/05/2008 GMT 1

A presentación do Festival das Letras Galegas 2008

galegomadanela @ 22:29

img_1834.jpg
Fixeron a presentación dúas alumnas de Terceiro Curso de Primaria: Andrea e Noelia que o fixeron moi ben.

Biografía de Xosé María Álvarez Blázquez.

galegomadanela @ 21:23

collag_biografia.jpg

Os nenos e nenas de terceiro contaron a vida de Xosé María Álvarez Blázquez en forma de conversa entre amigos.

Amosamos aquí o video dun poema musicado do autoe e tamén unha resumida reseña biográfica:
A figura elixida pola Academia para o Día das Letras Galegas 2008 é unha das máis polifacéticas da nosa literatura. Poeta, narrador, editor, historiador, arqueólogo, orador, pedagogo... A actividade de Xosé María Álvarez Blázquez a prol da cultura abrangueu tantos campos e tan diversos que non resulta doado resumir o seu legado. A súa produción cultural goza este ano da atención que esixe, pero tamén o seu papel como editor: esta é, probabelmente, a faceta súa á que máis lle deben as nosas letras. Fundador e animador das editoriais Monterrey e Castrelos, foi grazas a Xosé María que a obra literaria galega ocupou o seu lugar nos andeis de moitas casas.
As súas obras literarias pertencen a diferentes estilos literarios: Narrativa, Poesía, Ensaio e Teatro.

En Narrativa destacaremos unha: “A pega rabilonga e outras historias de tesouros” .
En Poesía: “Roseira do teu mencer”
En Ensaio: “Escolma da poesía medieval”
En Teatro: “Los pazos altivos”

TEATRO: "Esta sí que che é desgraza"

galegomadanela @ 20:47

Obra representada polos alumnos e alumnas de sexto curso de Ensino Primario

18/05/2008 GMT 1

Os nenos de Educación Infantil e a canción dos oficios:

galegomadanela @ 22:20

collag_infantil.jpg

Os nenos e nenas de Educación Infantil interpretaron a canción "OS OFICIOS":

Os zapateiros remendan os zapatos

así, así, así...

As costureiras fan saias e vestidos

así, así, así...

Os carpinteiro fan portas e fan carros

así, así, así...

Os taberneiros dan auga en vez de viño

así, así , así...

Lectura de poemas de Xosé M. Álvarez Blázquez

galegomadanela @ 22:10

collage_primeiroseg1.jpg

Os nenos e nenas de Primeiro Ciclo de Primaria deron lectura a varios poemas do autor a quen se adica este ano 2008 as Letras Galegas: Xosé M. Álvaréz Blázquez

Un capítulo da "Pega Rabilonga"

galegomadanela @ 22:03

collage_falando.jpg

Unhas alumnas de cuarto curso de Primaria representaron un capítulo titulado "A PEDRA" adicado por Xosé María Álvarez Blázquez a Alvaro Cunqueiro

Acompañamento Instrumental da "Muiñeira de Pontesamapaio"

galegomadanela @ 22:01

collage_milladoiro.jpg

Os nenos e nenas de 4º de Primaria fixeron o acompañamento instrumental dunha peza de Milladoiro: "A Muiñeira de Pontesampaio" Que ten moita sona en toda Galiza esta muiñeira xa que, según conta a lenda, foi tocada durante a batalla que tivo lugar ás beiras do río Verdugo(?)

Amosamos aquí un video coa Muiñeira tocada por Ricardo Portela.

Aires do Valmiñor

galegomadanela @ 21:57

Os alumnos do Conservatorio.

galegomadanela @ 21:40

collage_conservatorio.jpg Os nenos e nenas do colexio que acuden ao Conservatorio interpretaron varias pezas musicais con diferentes instrumentos: frauta traveseira, piano, violín e guitarra.

 

O festival remata

galegomadanela @ 20:47

 

Coa interpretación do Himno Galego remata o Festival das Letras Galegas de 2008.

¿Qué din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Qué din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

HISTORIA DO GALEGO (Romance)

galegomadanela @ 17:25

HISTORIA DA LINGUA GALEGA:

Coñecedor profundo da nosa historia e versificador magnífico, Darío Xohán Cabana, poeta chairego, creou unha “Historia da Lingua Galega” que ven ser un canto solemne á lingua milenaria que os galegos herdamos e poderemos transmitir ós que veñan despois de nós.

I

  Miñas donas e señores,
nenos, vellos e medianos,
esta historia verdadeira
xa comeza cos romanos.
Era unha vez unha terra
que Gallaecia era chamada,
onde había moitas tribos
nunha idade antepasada.
Fabricaban xoias de ouro
de fina ourivesería,
mais as linguas ignoramos,
pois ningunha se escribía.
Chegaron despois de Roma
xentes ben organizadas,
que gañaron esta terra
polas armas esforzadas.

    II 

Asentáronse os romanos
en cidades que fixeron,
os antigos poboadores
dos seus castros descenderon.
Mesturáronse os dous pobos,
vencidos e vencedores,
e ó cabo dun certo tempo
non quedaron máis rancores.
Os romanos posuían
unha avanzada cultura,
e adiantaron moito as artes,
o comercio, a agricultura.
Falaban estes romanos
a ilustre lingua latina,
e ó cabo de pouco tempo,
Galicia por súa a tiña.
  

   III

Media Europa e máis aínda
falaba latín daquela
coma Horacio e coma Ovidio,
coma Plauto e Columela.
Mais é de todos sabido
que a lingua que se falaba
non era o latín escrito,
anque moito lle imitaba.
Latín vulgar era a fala
na que entonces se entendía
desde o Miño ata o Danubio
canta xente alí vivía.
Desfeito o Imperio Romano
polas armas dos xermanos,
a lingua foise rompendo,
porque todo vai mudando.
   

     IV

Neste extremo de occidente
xa o falar se diferencia
do que falan en Italia
en Romenia e en Provenza.
Xa non podemos chamarlle
lingua latina a esta fala,
e chamámoslle galego
pra poder diferenciala.
Toda a xente desta terra
sen ningunha distinción
fala nesta nova lingua
que é o idioma da nación.
Os clérigos inda escriben
na antiga lingua romana,
pero o pobo non a entende,
pois xa queda ben lonxana.
 

    V

Alá polo mil douscentos
a lingua que hoxe falamos
escomenza a ser escrita
por poetas e notarios.
Falan en lingua galega
reis,labregos e señores,
e os abades dos mosteiros
e os soldados e os doutores.
Unha grande poesía
cántase ó son das violas
polas prazas de Santiago,
por Toledo e por Lisboa.
Agres cántigas de escarño,
doces cántigas de amores
resplendían coma xemas
no cantar dos trobadores.
 

   VI

Rei Afonso de Castela
cantaba a Santa María
coas palabras máis fermosas
que na nosa terra había.
Rei Denís de Portugal,
o amigo da agricultura,
na nosa língua cantaba
con extremos de dozura.
Martín Codax o de Vigo,
Airas Nunes e Mendiño,
dicían os seus cantares
nas terras que baña o Miño.
Pero Meogo trobaba
do cervo que a auga volvía
con tan belidos dicires
que os sentidos suspendía.
 

  VII

A luz máis bela de Europa
resplendía en Compostela
como en terras de Occitania
de onde viña tanta estrela.
Historias de cabaleiros
e miragres de Santiago
en galego se contaban,
e as fazañas dos troianos.
E ordenanzas se escribían
e crónicas e tratados
e os acordos dos concellos
en galego eran labrados.
Mais despois tempos viñeron
que Galicia esmorecía,
porque nobres e señores
cometeron felonía.
    

   VIII

 Viñeron xentes de fóra,
xentes de dentro marcharon,
e a lingua da nosa xente
nos escritos olvidaron.
Galicia foi sometida
polo xugo de Castela,
e os que mandan en Galicia
non falan na língua dela.
Pero as xentes desta terra,
columna do noso pobo,
non deixan de ser galegos
nin falan idioma novo.
Artesáns e mariñeiros
e burgueses e labregos
levan no peito Galicia
e nos labios o galego.
    

  IX

Inda que os bispos de fóra
mandan rezar noutra língua,
a xente fala na súa
Galicia non sofre míngua.
Así van pasando os anos,
anos a ducias e centos,
e moitos anos máis tarde
fala o bo Martín Sarmiento.
Padre Sarmiento Bieito
non quere de fóra un crego,
nin oficial de xusticia
que non fale en bo galego.
Douscentos anos pasaron
desque escribiu este frade,
e inda todo o que el quería
dista ben de ser verdade.
  

  X

Ó principio do oitocentos
toda Galicia falaba
na lingua dos devanceiros
e ninguén se avergonzaba.
Pero en seguida empezaron
as xentes acomodadas
a pensar que eran máis finas
as palabras importadas.
Galicia xa tiña fendas,
xa o seu corpo se crebaba
pola mor dos desleigados
que a súa lei non lle gardaban.
Pero había peitos nobres
que pensaban doutro modo,
e anque en Carral os mataron
nunca os mataron de todo.
    

     XI 

O seu espírito altivo
preludiaba o nacemento
das mil flores que serían
o noso Rexurdimento.
Añón, Pintos e Camino
e outra xente que escribía
na vella lingua galega,
preludiaba a Rosalía.
Rosalía a gran poeta
recobrou a dignidade
da língua que todo o pobo
gardara na adversidade.
Don Manuel Curros Enríquez
palabra de aceiro fino,
cantou a luz e o progreso
neste idioma campesino.

cont.

galegomadanela @ 17:04

XII 

Língua de ouro nos facía
Pondal o bardo do pobo
cantando os fastos antigos
e un futuro libre e novo.
E entre tódolos poetas
a historia nos descubría
e fundaba o noso orgullo
aquel bo Manuel Murguía.
Entusiastas estudiosos
a gramática estudiaban,
recollían as palabras
e pulían e ordenaban.
Fundaron unha Academia
e as Irmandades da Fala,
que naceron na Coruña
para honrala e enxalzala.
  

XIII

E tantas altas empresas
e tantos feitos honrosos
que en Galicia procuraban
un abrente esplendoroso.
Castelao e Vilar Ponte
Bóveda, Otero Pedrayo,
¡Que gran xente aquela xente,
que esplendor extraordinario!
No trinteseis o Estatuto
fixo un pouco de xusticia
recoñecendo o galego
como lingua de Galicia.
Pero a guerra fratricida
desfixo toda esperanza
e a vida de moita xente
de imborrable relembranza.
  

XIV

Foron anos de silencio,
de persecución e pranto:
"A longa noite de pedra"
enchía os peitos de espanto.
Por fin foron renacendo
novas luces pequeniñas
e Galicia agurgullaba
nas xuntanzas clandestinas.
Novos poetas cantaron,
contaron os narradores,
e "a longa noite de pedra"
clarexaba cos fulgores.
Galaxia, O Castro, Castrelos
editaban en galego
e a patria nosa xurdía
e empezaba a ve-lo cego.



XV

En Santiago canta o Galo,
loce o Facho na Coruña
e en Ourense, Vigo e Lugo
dase nova testemuña.
A enseña da democracia
ten o brasón en galego
e na fábrica e nas aulas
soa a língua dos antergos.
Mozos sabios e patriotas
ordenan a lingua nosa;
fana culta e ordenada,
fana lóxica e fermosa.
Entra a lingua nas escolas
e se inda non é señora
ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra.
 


XVI

Xa se fala nos lugares
onde lle era antes vedado,
inda que hai quen a discute
porque hai moito desleigado.
Inda hai pais que son contrarios
a que a aprendan os seus fillos
sexa porque non o pensan
ou que os movan catro pillos.
Este noso antigo idioma
é unha lingua de cultura
e é vergoña pra un galego
non falala con soltura.
"O galego que non fala
na lingua da súa terra,
nin sabe o que ten de seu,
nin é merecente dela".
 

XVII

Así falaba un poeta
noutro tempo deste asunto,
e agora vai sendo hora
de poñerlle á historia punto.
Esta historia é diferente
doutros romances de cegos;
non se sabe inda o remate,
pois depende dos galegos.
Nenos, homes e mulleres
desta terra adormentada,
rematouse xa o romance,
     e escomenza a pandeirada-
    

ASI COMEZA...

galegomadanela @ 09:09

       Nace este libro para recoller aquelas tarefas, ideas e inquedanzas que pola nosa lingua se teñen no

 C.E.I.P "A Magdalena".

Somos conscientes de que o galego, a nosa lingua, é algo que os nenos queren e que nós debemos darlles exemplo e pulo  para a súa pervivenza.

Imos  comezar cun  ánaco do poema de Celso Emilio Ferreiro que se titula

DEITADO FRENTE Ó MAR

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falala  fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

CELSO EMILIO FERREIRO

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis