Dende o Reino Unido nova na Voz de Galicia:
Destacan que o galego axuda a aprender outras linguas, permite a comunicación en portugués e engade unha vantaxe competitiva no mundo laboral internacional.
Redacción dixital
7/4/2009
Un grupo de galegos asentados en Londres teñen reunidas as súas experiencias nun manifesto interactivo para amosar que o o galego, e o seu emprego, tamén é útil fora de Galicia.
Con «O galego é útil», os asinantes pretenden «desmentir, dende a súa experiencia no extranxeiro, o mito de que o galego non vale para nada» ou «serve só dentro de Galicia».
Entre as vantaxes de falar o idioma propio de Galicia, o manifesto destaca que o galego axuda a aprender outras linguas, permite a comunicación en portugués e engade unha vantaxe competitiva no mundo laboral internacional. O manifesto, que se define como «libre de ideoloxía e afiliación política», pode ser asinado por internet.
Os impulsores desta iniciativa, Xesús Magariños e Inma Gil, agardan atraer sinaturas e comentarios de usuarios galegos de todo o mundo e contribuir así «construtivamente» ao debate sociopolítico en Galicia. Varios blogueiros, usuarios de redes sociais e portais de información xa recollen a publicación do manifesto.
Algúns comentaristas cuestionan que sexa axeitado falar da utilidade da lingua en termos tan prácticos, outros pregúntanse se acaso hai algunha lingua que non sexa útil. Pero os creadores do manifesto aseguran que se ben «é unha obviedade dicir que unha lingua é útil, porque todas o son, lamentablemente no debate lingüístico en Galicia óense con demasiada frecuencia comentarios que descalifican o estudo do idioma galego argumentando que é unha língua que non serve para nada fóra da nosa terra».
Por iso, afirman Magariños e Gil, «quizáis non é mala idea dicir obviedades por Internet. A ver se así algúns se enteran».

Chúzao
del.icio.us
